Multiusos

Multiusos "Casa Dopeso"

A casa Dopeso é un dos centros culturais máis relevantes do concello das Pontes.
Abriuse no ano 1992 como edificio de Servizos Múltiples para dotar a vila dun espazo polivalente. A súa propiedade e xestión é municipal polo que depende do Concello das Pontes.

Consta de tres plantas e soto. No soto localízase unha sala de exposicións, unha aula informática (unha aula da rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica. CeMIT), camerino e varios almacéns. Na planta baixa sitúase o salón de actos, dotado de 218 butacas e cun escenario apto para as máis variadas actividades: música, teatro, cine, danza, congresos, conferencias, reunións e para calquera tipo de espectáculo.

No primeiro andar sitúanse as oficinas do Departamento de Cultura e un pequeno almacén. No segundo andar é onde están as oficinas dos Servizos Sociais do Concello das Pontes, unha aula polivalente e os aseos. Na terceira planta encóntrase unha sala de danza e de máquinas.

O seu nome é en honra de Cesáreo González Dopeso, o doutor Dopeso, quen fora médico nas Pontes e alcalde entre os anos 1955 e 1960.