Mural

Mural "Artistas que tornean soños coas voltas do tempo"

Esta peza pictórica rende homenaxe aos torneiros, oficio de longa tradición histórica nas Pontes e que continúa vizoso na actualidade.
O oficio de torneiro ten unha longa tradición histórica no concello das Pontes. Se o seu coñecemento chegou ata a actualidade foi posible grazas a dúas figuras imprescindibles; Lolo Castro aprendeu o oficio de seu pai e mantivo viva a tradición; Fernando Vérez traballou durante anos na innovación e na difusión.

O mural localízase no muíño de Severiano sobre as augas do río Eume e dentro do centro histórico da Vila. Severiano Castro foi muiñeiro e torneiro. É obra de Diego Cereijo que para este mural realizou un debuxo co que usou como guía para pintar sobre a parede.

Para a realización do mural Diego Cereijo mantivo conversas con torneiros da Asociación Amigos da Madeira, sociedade que mantén viva a tradición. O mural representa diferentes claves do oficio de torneiro e dos seus protagonistas.

O autor describe a súa obra deste modo: “Intentei plasmar, co máximo respecto posible, a información colleitada nas xuntanzas cos torneiros, representando esta convivencia entre a tradición e o rexurdimento da tornaría local, centrada nesta aperta entre os seus principais protagonistas (Lolo Castro e Fernando Vérez), engadindo unha selección de pezas reais realizadas por membros da Asociación de Amigos da Madeira e dúas posturas do oficio que me pareceron especialmente características.”

Esta peza pode visitarse na Rúa da Igrexa 29, no muíño de Severiano situado no casco histórico da vila