Monumento de Irmandamento con Lesneven

Monumento de Irmandamento con Lesneven

Monumento ao irmandamento coa vila bretoa de Lesneven.
O parque de Lesneven construíuse en 1992, nunha obra da Deputación sobre terreos cedidos por Endesa. Nas obras acondicionouse o leito do río Brixeo e sobre el reedificouse a ponte do lugar de Ponte da Pedra, desaparecido coa mina de carbón. Lesneven é unha vila bretoa irmá das Pontes de García Rodríguez. En 1990 o municipio de Lesneven propuxo ao Concello das Pontes facer un irmandamento. O irmandamento asinouse oficialmente o 19 de xullo nas Pontes e 3 de setembro en Lesneven.

A pedra que dá entrada ao parque está apoiada nuns arcos sobre os que emerxe unha pedra en vertical coa pel do armiño. Fai referencia ao escudo bretón que procede do Ducado de Bretaña e da dinastía Capet que gobernaron Bretaña con anterioridade á súa incorporación a Francia.

Outros dous monolitos completan o conxunto escultórico do Parque de Lesneven. Un deles é un enorme bloque pétreo que procede dos montes do Forgoselo e que ten gravadas unhas ondas do mar e un sol. O outro é un monolito na memoria de Antón Ferreiro quen fora durante anos presidente da Irmandade As Pontes – Lesneven.

O Monumento de Irmandamento con Lesneven está no Parque de Lesneven.