Monumento á Música

Monumento á Música

A escultura lembra o centenario duns pioneiros na historia da música, a banda de Ribadeume.
No ano 2009 inaugurábase o monumento á Banda de Ribadeume ao cumprirse o centenario da súa creación. A inauguración coincidía co día de Santa Icía, patroa da música. Esta banda forma parte da historia das Pontes pois foi a primeira banda de música do actual concello.

Don Juan Vázquez, nacido en 1873, foi párroco de Ribadeume e Bermui entre os anos 1906 e 1956. Soubo transmitir a súa paixón pola música aos rapaces, que foron aprendendo diferentes instrumentos. Deste modo en 1909 créase a Banda de Música de Ribadeume. En 1928 obteñen o título de Banda Municipal da Capela, concello ao que pertencían as parroquias de Ribadeume e Bermui.

A banda chegou a contar con máis de vinte músicos e formou músicos que logo destacarían en grupos de música. O mestre Domingo Antonio Pico Blanco sería o encargado de substituír a Don Juan na dirección da banda. A banda de música desapareceu en 1943 no contexto de posguerra en España.

O monumento está situado diante da igrexa de Santa María de Ribadeume. Está composto por un cilindro metálico, no que están contorneados os instrumentos musicais da banda, sobre unha columna de granito. Unha placa rememora o traballo en prol da música feito por Don Juan Vázquez, Don Domingo Pico Blanco e o de tódolos veciños que aprenderon, tocaron e continuaron co traballo emprendido na Banda de Ribadeume.

Pódese visitar no lugar de Ribadeume, a carón da igrexa parroquial.