Mural

Mural "A galiña e os pitiños de ouro"

O mural é unha extraordinaria composición na que se retrata unha das lendas do Monte Caxado que fala dunha galiña con pitos de ouro.
Este mural foi realizado polo artista almeriense Miguel Peralta. El é integrante da cooperativa cultural galega Cestola na Cachola. Plasma unha das antigas lendas do Monte Caxado que narra a historia da filla dun rei mouro (os mouros son a raza mítica que a tradición oral di que habitaron a terra antes que nós).
A muller é encantada polo seu pai que a castiga a estar presa nunha pena e a unicamente saír do seu feitizo na noite de San Xoán na que toma forma de galiña con pitos de ouro.

Peralta dá ás súas obras un compoñente misterioso para que o espectador poida facer as súas propias interpretacións. Nesta peza representa os elementos da lenda como outros aspectos do mundo mítico dos mouros (a moura a peitear o cabelo, o río…). E de fondo aparece o firmamento no que destaca o cúmulo estelar das Pléiades; no folclore europeo deste cúmulo dicíase que era unha galiña con pitos.

O mural está na Avenida de Galicia nº 3, a carón da Ponte de Isabel II.