Mural

Mural "A nosa orixe"

Homenaxe mural aos precursores da música nas Pontes coa primeira banda de música en 1909.
“A nosa orixe” é unha rememoración do fito musical da primeira banda de música que houbo no actual municipio das Pontes. Juan Vázquez, Don Juan, o cura párroco de Ribadeume e Bermui, era músico e introduciu moitos rapaces no mundo música.

A paixón do cura párroco pola música e formación dos rapaces en varios instrumentos posibilitou que no ano 1909 se formase unha banda de músicos. Esta banda converteuse na Banda municipal da Capela en 1928. Trala desaparición da banda en 1943 os seus músicos formaron dúas das orquestras máis afamadas na comarca: “Los Rivadeumes” e “River”. Estes dous grupos musicais, con música moderna dos anos corenta, soaron nas festas e nos bailes da época.

O mural é obra de Mario Vérez, un artista polifacético. Mario estudou Belas Artes, é un amante da música, e forma parte da Escola Municipal de Danza. O mural rende homenaxe aos precursores da música nas Pontes. Para a súa realización Mario mantivo entrevistas, entre elas con Elina, sobriña neta de Don Juan. O sacerdote é ademais o autor da música do himno das Pontes.

O mural sitúase na Avenida de Vilalba 2, fronte á oficina de Correos.