Mural

Mural "Na diferenza está a igualdade"

Este mural alegre e colorido foi realizado por persoas con diferentes capacidades demostrando que son as diferenzas o que nos fai iguais.
As diferenzas suman. Para demostralo uníronse dúas entidades pontesas A Xanela (Asociación de Persoas con Diversidade Funcional) e ARTPO (Asociación de Artistas Ponteses).

Este mural forma parte do proxecto As Pontes en PEZAS, e a dirección artística e o deseño corre a cargo de Guadalupe Lago (terapeuta ocupacional na Xanela e afeccionada á pintura) e Lourdes Acera (licenciada en Belas Artes e mestra de pintura en ARTPO).

Dunha paleta de pintura emanan cores diferentes que forman un xardín, onde nacen flores diferentes; grandes, pequenas, con cores diversas…unha forma de concienciar á cidadanía de que son as diferenzas o que nos fai iguais e que todas e todos somos capaces.

A Xanela (Asociación de persoas con diversidade funcional) nace no ano 2000 para coordinar e promover a defensa dos intereses das persoas con diversidade funcional, co fin de conseguir a máxima atención social á problemática que representan, e a súa integración na sociedade.

ARTPO (Asociación de ARTistas POnteses), é un grupo artístico creado no ano 2012 coa finalidade de unirse para expoñer, pintar e traballar polos intereses comúns dos artistas da comarca. En marzo de 2016 constitúese como asociación cultural promovendo as máis variadas exposicións artísticas.

Esta peza colaborativa está localizada na rúa peonil do Rego do Campo