Mural

Mural "Dous pobos, unha mesma nai: Galiza - Breizh "

Este mosaico alude ás conexións afectivas e culturais entre os pobos galego e bretón.
Xurxo Guitián emprende este mosaico colaborativo despois do mosaico feito con Xaquín das Herbas. O obxectivo do mural é homenaxear a relación entre Galicia e Bretaña. Son moitos os irmandamentos entre pobos galegos e bretóns, e un deles é o que existe entre Lesneven e As Pontes, que naceu no ano 1991.

Esta colaxe fotográfica conta con 7.000 teselas nas que aparecen persoas, paisaxes, monumentos, artesanía e símbolos. Para a súa realización participaron centos de veciñas e veciños de Lesneven e As Pontes que aportaron as súas fotografías.

O mosaico representa dúas mulleres encintas que representan unha conexión afectiva e cultural remarcada por un símbolo común aos dous pobos, o tríscele. A peza está instalada nas Pontes e unha peza idéntica está na vila de Lesneven.

Xurxo Guitián é un deseñador gráfico, fotógrafo e editor con máis de 25 anos de experiencia no sector audiovisual. Ademais, é un experto en sacar o perfil bo de todas as persoas ás que fotografía, amosando sempre a súa esencia.

O mosaico fotográfico “Dous pobos, unha mesma nai: Galiza – Breizh” pode verse na Rúa Real nº8.