Mural

Mural "Oda á muller"

Obra colectiva de quince mulleres na que expresan o que foi, o que é e o que ha de vir nas vivencias e nas loitas das mulleres.
Quince mulleres pontesas únense para a realización deste mural. Andrea, Natalia, Concha, Ana, Vanessa, Graciela, Sol, Marisa, Carmen, Paula, Mía, Manuela, Carolina, Isabel e Maca, son as creadoras desta peza mural colectiva dedicada á muller.

Na súa peza representan as etapas da vida das mulleres e o que as caracteriza: a sabedoría, vivencias e loita das mulleres de antes; a loita, medos e batallas, que aínda lles quedan por gañar ás mulleres de agora, pero tamén a forza e calma que lles transmitiron as súas antepasadas e todo o bo que sementan nas que serán as mulleres do futuro. Tamén falan da sororidade entre as mulleres, a conexión entre elas sen importar aspectos como a idade ou a etnia cultural.

O mural foi unha iniciativa do Centro de Información á Muller (CIM) e a Concellería de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude do Concello das Pontes, foi coordinado polo equipo de sociólogas de DELOGA e polas artistas locais Carolina Díguele e Isabel O´Connor, responsables de realizar o deseño a partir das ideas de todas as integrantes.


A peza está situada na unión da Avenida de Galicia con Rúa Alexandre Bóveda.