Capela de San Vicente de Pontoibo

Capela de San Vicente de Pontoibo

A veciñanza de Pontoibo aínda mantén viva a esencia da romaría de San Vicente coa súa poxa e a súa festa cada 22 de xaneiro.
A ermida de Pontoibo está adicada a San Vicente Ferrer e San Vicente Mártir. O edificio actual foi unha reedificación da capela que existía polo menos desde o século XVI.

O lugar é moi antigo, pois no adro apareceu unha necrópole medieval da que se conserva un sartego antropomorfo a carón da ermida. Este sartego é coñecido como o “Baño do Santo” e a auga que nel se encontra é avogosa para os ollos.

Dende antigo a capela tiña abondoso gando que era poxado o día da festa e hoxe en día aínda se poxa cada 22 de xaneiro produtos do campo, e o recadado serve para custear os gastos da festa do patrón. Como anécdota cabe dicir que no ano 1809 no marco da invasión napoleónica, as tropas francesas saquearon o santuario levando consigo o cáliz.