Poboado do Barreiro

Poboado do Barreiro

Un barrio obreiro de inspiración europea.
A necesidade de acoller novas familias de traballadores de ENDESA chegados dende outras rexións de España provoca que no ano 1976 se proxecte o cuarto polígono residencial das Pontes.

O encargado de levalo a adiante vai ser o arquitecto José Ramón Miyar Caridad. El planifica un modelo arquitectónico de barrio obreiro europeo que se basea nos modelos de vivenda social de Alemaña e Austria do primeiro cuarto do século XX. As Siedlungen alemás e as Höfe vienesas pretendían dignificar as condicións de vivenda da clase obreira.

Seguindo este modelo de barrio obreiro O Barreiro alberga 232 vivendas nunha área de 2,5 ha repartidas en 29 edificios plurifamiliares de 4 alturas. Disponse en tres vías que permitían a existencia dunha gran praza central para o lecer e xogo dos nenos. Había dous tipos de vivenda de 3 e 4 dormitorios, dotadas de salón-comedor, cociña con tendedeira, baño completo e vestíbulo.