Poboado da Madalena

Poboado da Madalena

Un barrio obreiro de inspiración europea.
No ano 1972 ENDESA obtén a explotación da mina de lignito das Pontes e empeza a construción dunha nova central térmica. Para afrontar a chegada de centos de traballadores e das súas familias ENDESA acomete a construción de catro poboados entre os anos 1974 e 1976, que serán cedidos aos traballadores mediante aluguer.

O primeiro deles é o Poboado da Madalena no ano 1974, obra do arquitecto Raúl Freire Pérez. O modelo residencial está inspirado nas Siedlungen alemás e nos Höfe vienesas. Son modelos de barrios obreiros desenvolvidos no primeiro cuarto do século XX para dotar dunha vivenda digna ás clases traballadoras.

O poboado consta de 32 módulos plurifamiliares de 4 plantas, que albergan 248 vivendas nunha parcela de 3 ha. Existen 3 tipos de vivendas de 3, 4 e 5 dormitorios, que inclúen salón, cociña, baño e tendedeira. É de salientar a peonalización de toda a zona interior na que se sitúan, entre os bloques, espazos peonís, prazas e zonas axardinadas.