Mural

Mural "As feiras"

Neste colorido mural recóllese a esencia das feirasque se celebran nas Pontes.
As feiras son un evento económico e social moi importante en Galicia. Nelas danse intercambios de produtos da terra (verduras, carnes, peixe, ovos, queixo, mel…) e prodúcense relacións sociais. Nas Pontes de García Rodríguez houboas dende a Idade Media e tense constancia documental da Feira quincenal desde o ano 1788. Nas Pontes celébrase feira os días 1 e 15 de cada mes, e tamén o domingo de Entroido (Feira do Grelo) e a fin de semana anterior ao Día de Defuntos (Feira de Fungos e Cogomelos).

Lucía Escrigas foi a encargada de recoller a esencia da feira nun mural no actual campo da Feira. Lucía é unha artista que compaxina a arquitectura coa ilustración dixital, acuarela e muralismo. Nun mural con moita cor recolle elementos significativos das feiras.

A autora define así esta peza: “O mural céntrase na tradición galega das feiras que se celebraban en As Pontes, incorporando ao deseño os motivos propios destes eventos. Os grelos, os cogomelos, os animais, a labrega ou o paisano que ofrecen o froito do seu traballo, entre outras figuras, están presentes na peza. A idea principal é salientar o feito de que estas tradicións son fundamentais para a identidade do pobo, xa que favorecen espazos de xuntanza moi enriquecedores para a veciñanza”

O mural de Lucía Escrigas está na intersección de Rúa Campo da Feira con Rúa 8 de Marzo.