Mural

Mural "García Rodríguez de As Pontes"

Neste mural está respresentado García Rodríguez, o das Pontes, o nobre que dá nome á vila das Pontes.
O mural retrata o cabaleiro García Rodríguez de Valcarce e Balboa a quen lle foi doada a vila das Pontes de Eume (ou Ume) o 30 de setembro do ano 1371, polos servizos prestados ao rei. Pertencía a dúas importantes casas nobiliarias, os Valcarce e os Andrade. García Rodríguez participa do bando de Henrique II contra Pedro I, o que o leva a participar nun dos episodios bélicos máis intensos do medievo, a batalla de Nájera. Alí cae preso. Pola fidelidade amosada e polas penurias pasadas o rei Henrique II doa García Rodríguez unha vila do Condado de Trastámara, a vila das Pontes.

O encargado de devolver á vida a García Rodríguez foi o muralista pontés Wedo Goás que representa un García guerreiro. Wedo precisou para este mural estudar a estética de época representada, e fixo un casting para atopar unha persoa que lle cedese o seu rostro ao cabaleiro. Contouse cunha réplica exacta dunha armadura da época, o que dota de realismo o deseño.

Wedo declaraba nunha entrevista "Levabamos tempo falando da posibilidade de pintar a García Rodríguez nunha parede céntrica e foi un reto porque non se sabía nada del fisicamente e hai poucos documentos."