Mural

Mural "Construíndo capacidades "

O mural amósanos que para construír un quebracabezas as pezas diferentes son todas igual de necesarias.
Este mural xorde da colaboración artística entre A Xanela (Asociación de Persoas con Discapacidade) e ArtPo (Asociación de Artistas Ponteses). O deseño foi elaborado por persoas usuarias da Xanela en colaboración con Lupe Lago, terapeuta ocupacional e afeccionada á pintura.

A composición amosa as diferentes pezas dun puzzle en formación, transmitindo a idea de que as pezas aínda sendo diferentes son todas igual de valiosas e necesarias para o conxunto. As pezas do quebracabezas levan ademais símbolos que representan capacidades diversas e que se converten en supercapacidades. O mural, cheo de significado e cor, está asinado coas palabras “diferentes” e “capaces”.

Lupe Lago define así o traballo feito no mural: “É unha experiencia moi gratificante o poder axudar aos usuarios/as da entidade, que aínda que teñen moitas limitacións, intentan día a día superarse. Acoden a pintar a súa obra con moita ilusión e forza. Chama a atención a gran forza de vontade e ánimo que poñen e coa que todos os días teñen que superarse, e é moi gratificante que despois de rematar a obra eles pasen por diante dela e se sentan moi orgullosos do traballo que realizaron.”