Mural

Mural "Homenaxe a Xaquín das Herbas"

Este mosaico está composto polo rostro de 809 persoas cos que se formaron as 2089 teselas que debuxan o mítico Xaquín das Herbas.
Xurxo Guitián deseñou este mosaico ou colaxe fotográfica no que 800 persoas das Pontes cederon a súa imaxe para compoñer as 2089 teselas que conforman a imaxe de Xaquín (ou Xoquín) das Herbas.

Xoquín das Herbas foi un personaxe que viviu nas Pontes na década dos corenta e cincuenta, rodeado dunha aura de misterio. Ignorábase a súa procedencia e vivía na fraga. Vestía unha indumentaria peculiar, con vestimentas feitas por el mesmo, un gorro alto e polainas. Pénsase que podería ser un anarquista escapado durante a Guerra Civil.

No mural participaron veciñas e veciños das Pontes que enviaron as súas fotos carné ou que foron fotografados durante a “Feira de Fungos e Cogomelos”. Algún dos participantes tiñan recordos propios de Xoquín e narraron anécdotas do seu aspecto ou da súa morada no burato dun carballo ao pé do río Chamoselo.

O mosaico fotográfico na honra de “Xaquín das Herbas” está localizado na Avenida da Habana, na marquesiña do Poboado do Barreiro.