Monumento a José María Rivera Corral

Monumento a José María Rivera Corral

Monumento en homenaxe ao fundador de Estrella Galicia que naceu no barrio pontés do Chamoselo.
O apelido Rivera está asociado á principal empresa cervexeira de Galicia, Estrella Galicia, unha empresa de marcado sabor galego. O seu fundador foi José María Rivera, quen creou a primeira fábrica de Estrella Galicia en 1906, dedicada a producir xeo e cervexa.

José María Rivera nacera no barrio do Chamoselo, nas Pontes de García Rodríguez, nunha familia de sete irmáns. Como tantos outros veciños tomou o camiño da emigración a Cuba e logo a México. Na súa volta a Galicia inicia o seu negocio cervexeiro, que hoxe en día está nas mans da cuarta xeración.

O monumento a Rivera coincidiu co centenario de Estrella Galicia no ano 2006. É unha figura de bronce que representa a José María Rivera coa indumentaria propia da época: sombreiro e bastón.

A estatua de homenaxe está na Fraga de Dona Rita, moi preto da Central de Prieto e no camiño que leva ao Hexágono.