Poboado do Muíño

Poboado do Muíño

Un barrio obreiro de inspiración europea.
Co fin de acoller as familias de enxeñeiros e peritos de ENDESA que chegaban ás Pontes dende outras rexións de España proxéctase este terceiro polígono residencial no ano 1975. Coñécese como Poboado do Muíño.

Os arquitectos encargados de levalo adiante son Alfredo Alcalá Navarro e Juan Ignacio Rey-Cabarcos Vázquez, executando un modelo arquitectónico de barrio obreiro europeo.

O polígono consta de 3 bloques de 2 módulos plurifamiliares cada un, con planta baixa libre para aparcadoiros e 4 plantas residenciais, que albergan 48 vivendas nunha parcela de 1,32 ha. Existen 2 tipos de vivendas de 4 e 5 dormitorios. Son vivendas destinadas ás categorías máis altas de traballadores de ENDESA o que fai que as súas dimensións e calidades sexan superiores ás do resto dos polígonos. Inclúen salón-comedor, cociña con terraza, vestíbulo e dous baños, un deles para uso do dormitorio principal. O 69% da parcela está destinada a espazos libres e zonas verdes, con pasos peonís cubertos que unen os tres bloques.