Mural

Mural "Hai un galego na lúa"

Mural de Wedo que nos mostra o que é estar lonxe da casa.
O mural representa unha persoa alindando unha vaca sobre a superficie da Lúa. A persoa mira tranquilamente cara á Terra mentres o animal pasta nas pedras. En palabras do autor “A idea de partida centrábase nos galegos que andan lonxe da casa, aínda que estean tan só a mil quilómetros parécenos un mundo”. O mural proxecta a sombra dos dous protagonistas da escena luar sobre a beirarrúa, o que introduce o espectador dentro do mural.

Edgar Goás Blanco, alias Wedo, é un artista pontés emigrado en Barcelona, que desprende talento e humanidade a partes iguais. A súa sensibilidade exprésase nos temas escollidos nas súas obras como: a situación do medio ambiente, a sociedade de consumo ou a diversidade cultural.

A peza está na Avenida de Galicia, no número 48.