Igrexa de San Mamede

Igrexa de San Mamede

A vistosa igrexa parroquial de Somede.
A parroquia de Somede é moderna pois nace no século XIX xunto con outras 15 parroquias da Diocese de Mondoñedo- Ferrol motivado por cambios demográficos. Con anterioridade o seu territorio estaba repartido nas parroquias de San Xoán do Freixo e de Santa María das Pontes.

A igrexa parroquial é inaugurada en 1895 a partir dunha capela dedicada a San Mamede dos Cabalos, da que se sabe que existía no século XVIII. No adro da igrexa foi atopada unha ara romana dedicada aos “Lares Viales”, os deuses dos camiños, o que reforza a idea da existencia dun itinerario usado en época romana en relación ao porto de Bares e asentamento romano das Pontes.