Auditorio Cine Alovi

Auditorio Cine Alovi

Teatro, cine e cultura nun fermoso edificio que albergou o cine deseñado polo arquitecto Nemesio López Rodríguez.
O cine Alovi é un dos centros neurálxicos da programación cultural do concello das Pontes. Naceu como un cine comercial e é obra do arquitecto sarriao Nemesio López Rodríguez, quen tomara como referencia o Teatro Principal de Santiago.

Foi inaugurado o 1 de xaneiro de 1951. A primeira película que se proxecto foi La Duquesa de Benamejí, unha película sobre a obra de teatro do mesmo nome escrita polos irmáns Machado.

No ano 1989 o edificio é comprado polo Concello das Pontes, tras o peche da sala de cine en 1985. Refórmase para ser o Auditorio Municipal. No 1996 acométese unha importante reforma para mellorar as calidades do espazo escénico, con ampliación do escenario e colocación dunha armazón metálica, rehabilitación dos camerinos e mellora da cuberta.

O seu uso actual está ligado á representacións teatrais, actuacións musicais e de baile, cine, conferencias e calquera representación cultural. Tamén é usado como local de ensaio por distintas agrupacións culturais.

A súa dotación permite que forme parte do circuíto teatral de carácter profesional e achegar deste modo o teatro á cidadanía das Pontes.