Mural

Mural "O banco dos bicos"

Un escenario máxico onde o protagonismo é para os bicos.
Sonia Sueiro, artista pontesa, acompañou neste mural os rapaces de ASPANES (Asociación de persoas con trastorno do espectro autista) para a realización da súa primeira pintura. Tras diversas sesións de traballo as rapazas e rapaces de ASPANAES deciden reflectir o que é o amor.

O mural é un photocall na que o tema son os bicos: Bicos fraternais, bicos na boca ou na meixela, bicos de papá e de mamá, bicos de amizade, bicos de complicidade, bicos de paixón ou primeiros bicos…BICOS.

O banco dos bicos sitúase diante dun mural que o converten nun espazo máxico no que bicar. O resultado desta peza colectiva é fascinante.

En palabras de Cristina Rodríguez, profesora de ASPANAES, neste mural de EnPezas “Sonia soubo plasmar a esencia dos debuxos coma se os fixesen eles. Para nós é unha forma de poñer en valor as fortalezas dos mozos e tirar barreiras abaixo deses que din que non teñen sentimentos“.

Sonia Sueiro é licenciada en Belas Artes e mestra de secundaria en Educación artística e visual, ademais é unha das impulsoras do proxecto As Pontes enPezas. É autora de varios proxectos artísticos na vila e participou en diversas exposicións colectivas.

Esta peza colectiva sitúase na Avenida de Ferrol 35.